26.2.08

Peña Ten e algo máis...

Ten, Pileñes e Mediodía

O ano pasado na nosa visita ó Mampodre chamounos a atención aquel solitario pico que destacaba cando mirabamos cara o Norte. A Peña Ten era esa enorme mole caliza á que lle debiamos unha visita.
Decidimos aproveitar ó máximo a fin de semana saíndo o venres e variamos os nosos plans iniciais propoñendo a ascensión da Peña Ten para o sábado e deixando para o domingo algunha actividade máis curta vistas as previsións meteorolóxicas.

Comezamos a ascensión desde a aldea de La Uña encamiñando os nosos pasos cara o nacemento do río Esla e o porto de Ventaniella. Pouco antes de chegar a este paso natural entre León e Asturias dirixímonos ó collado do cardal. Todos din que "Peña Ten pa les cabres y Pileñes pa les ovelles" e, metidos en faena, non podíamos deixar de visitar o feudo das "ovelles" para logo sufrir a dura ascensión da interminable ladeira da Peña Ten.



Para o descenso destrepamos unha das canales que recorren a cara suroeste na procura do porto da Fonfría e logo seguindo o río Carcedo ata atopar de novo o noso punto de partida completando unha ruta que nos ocupou oito horiñas.

¡Qué mal rollo! ¡Que vai chover!¡Que nos imos poñer coma pingos! O Gilbo chamábanos por ostentar a categoría de mini-cervino vixiante do pantano. Era unha ascensión curta que podiamos acometer en pouco tempo aproveitando algún claro no ceo. Pero tamén estaba o Mediodía, ese picacho de aire alpino que nos saúda pola mañá nada máis saír do albergue de Maraña e co que algúns xa tiñamos unha débeda. Noutra ocasión non puidemos máis que acercarnos ó que para nós quedou gravado na memoria como mítico collado das tempestades e dos ventos afuracanados.





Estaba encapotado pero parecía posible... e fixémolo posible porque había moitas ganas. Chegamos deseguida ó magnífico circo, subimos a monótona pala de neve que nos leva ó mítico collado que separa o noso obxectivo do Pico Valcerrao. Desde aquí cresteamos con unha nube que a cada paso semellaba máis escura. Pico, foto e para abaixo, "atallando" por unha canal que se puxo un pouco rebelde polas condicións precarias da neve.



Ás cinco da tarde xa desfrutabamos do merecido relax que proporciona a ducha quente.

No hay comentarios: