24.6.09

IX Concurso fotográfico Club Alpino Ourensán


IX Concurso Fotográfico Club Alpino Ourensán

O vindeiro mes de xullo, o día 31, remata o prazo de presentación de traballos para a presente edición 09 do concurso fotográfico do club. Lembra que podes presentar as fotografías en formato dixital tanto en soporte físico como enviándoas por correo electrónico a calpinoo@terra.es, tal e como se reflexa nas bases do concurso:

“Presentación e envío. As obras entregaranse na sede do Club debidamente protexidas. O prazo límite de admisión de obras será o 31 de xullo de 2009, non admitíndose ningunha obra que chegue con posterioridade a este prazo. No sobre indicarase “IX Concurso de fotografía Club Alpino Ourensán”. Admítese formato dixital (mínimo 1 megabyte de resolución) en soporte físico ou mediante correo electrónico sempre dentro das datas especificadas e acompañadas doutro correo electrónico onde figure como “asunto” o lema e no texto os datos do autor.”

E estes son os premios os que podes optar coa presentación das túas fotos: Un 1º Premio de 250 euros, un 2º Premio de 150 euros e un 3º Premio de 100 euros. Ademais está o Premio especial do Club: 150 euros (Elixida en reunión pola Xunta Directiva como foto representativa do club)

BASES do CONCURSO

1. Concursantes e obras. Poderán participar tódolos socios do club que o desexen, excepto o gañador da edición anterior e os membros do xurado. Os autores poderán presentar un máximo de tres fotografías, en cor ou en branco e negro, non premiadas en calquera outro concurso. Só se admitirá un autor/a por obra.

2. Temática. Fotografías que estean relacionadas coas actividades levadas a cabo polos socios do club en tódalas súas modalidades: imaxes de montañismo, sendeirismo, escalada, esquí, espeleoloxía, descenso de canóns, paisaxes, flora, fauna, as súas xentes...

3. Tamaño e presentación. O formato fotográfico é libre, cun tamaño de papel mínimo de 20x30 cm.e máximo de 30x45 cm. As fotografías non deberán ir montadas nin reforzadas sobre cartolina, nin con passepartout. Farase constar no dorso de cada fotografía só o título da obra. Por cada fotografía e nun sobre pechado, indicando “IX Concurso de fotografía Club Alpino Ourensán” e o “título da obra”, deberá ir unha tarxeta co nome e apelidos do autor/a, teléfono, correo electrónico, título da obra e un breve texto explicativo, indicando como mínimo o lugar da fotografía e o equipo fotográfico empregado.

4. Presentación e envío. As obras entregaranse na sede do Club debidamente protexidas. O prazo límite de admisión de obras será o 31 de xullo de 2009, non admitíndose ningunha obra que chegue con posterioridade a este prazo. No sobre indicarase “IX Concurso de fotografía Club Alpino Ourensán”. Admítese formato dixital (mínimo 1 megabyte de resolución) en soporte físico ou mediante correo electrónico sempre dentro das datas especificadas e acompañadas doutro correo electrónico onde figure como “asunto” o lema e no texto os datos do autor.

5. Premios. Cada autor só poderá acadar un premio. O importe do premio farase con cheques regalos que poderán ser trocados nos establecementos patrocinadores do concurso. Dotación dos premios:

· 1º Premio de 250 euros - 2º Premio de 150 euros - 3º Premio de 100 euros

· Premio especial do Club: 150 euros (Elixida en reunión pola Xunta Directiva como foto representativa do club)

6. Xurado e resolución. O xurado, estará formado por ao menos un profesional da fotografía, polo gañador do concurso anterior e por un socio do club elixido pola Xunta Directiva de entre os que se presenten como voluntarios. O resultado comunicaráselles aos gañadores por teléfono ou correo electrónico e farase público a partires do 1 de outubro.

As decisións do xurado serán inapelables.

7. Difusión, exposición e entrega de premios. O club Alpino Ourensán, conxuntamente co Outono Fotográfico, realizará unha exposición coas obras seleccionadas, do 1 ao 15 de novembro de 2009. A entrega de premios efectuarase na cena anual do club da que se dará cumprida información. As obras seleccionadas poderán saír editadas en publicacións posteriores, coa intención de difundir o concurso, sen ánimo de lucro. Nas obras expostas e/ou publicadas indicarase o autor/a.

8. Disposición das obras. As obras premiadas quedarán en propiedade do Club Alpino Ourensán, que poderá copialas ou utilizalas sen limitación de medios, tempo ou lugar, para promoción e divulgación, con indicación do nome do seu autor/a. As obras non premiadas poderán ser retiradas polos seus autores no Club, a partires do 16 de decembro de 2009. Se as obras non son reclamadas antes do 13 de febreiro de 2010 enténdese que o autor renuncia a elas.

9. Observacións. Os participantes responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación por dereitos de imaxe. A organización poñerá o máximo coidado na conservación das obras, pero non se responsabilizará das posibles perdas, subtraccións ou deterioro. A organización queda facultada para resolver calquera continxencia non prevista nestas Bases. A concorrencia a este concurso implica a aceptación das presentes Bases.

No hay comentarios: