Cocurso Fotográfico Club Alpino Ourensán 2014
Concurso Fotográfico Club Alpino
Ourensán 2014
Convocatoria
ano 2014 do Concurso Fotográfico Club Alpino Ourensán. Concurso no que os
socios podedes presentar os vosos traballos para optar a premio ou formar
parte do xurado que elixirá os gañadores de entre todas as fotos presentadas.
Si queres formar parte do Xurado comunícao con antelación suficiente no local
social do club.
O prazo límite de admisión de obras será o 15 de outubro
de 2014, non admitíndose
ningunha obra que chegue con posterioridade a este prazo.
BASES
1. Concursantes e obras. Poderán participar tódolos socios do club que o
desexen, excepto o gañador da edición anterior e os membros do xurado. Os
autores poderán presentar un máximo de tres fotografías, en cor ou en branco e
negro, non premiadas en calquera outro concurso. Só se admitirá un autor/a por
obra.
2. Temática.
Fotografías que estean relacionadas coas actividades levadas a cabo polos
socios do club en tódalas súas modalidades: imaxes de montañismo, sendeirismo,
escalada, esquí, espeleoloxía, descenso de canóns, paisaxes, flora, fauna, as
súas xentes...
3. Presentación e envío. Admitirase soamente formato dixital (mínimo 3
megabytes de resolución) en soporte físico ou mediante correo electrónico
sempre dentro das datas especificadas. Os arquivos nomearanse co título da foto
e virán dentro dunha carpeta que será nomeada con un lema elixido polo autor.
Noutra carpeta co mesmo lema incluiranse os datos persoais do autor e teléfono
de contacto nun documento de texto. En caso de facer o envío por correo
electrónico enviarase outro correo “plica” onde figure como “asunto” o lema, e
no texto os datos do autor.
4. Premios.
Cada autor só poderá acadar un premio. O importe do premio farase con cheques
regalos que poderán ser trocados nos establecementos patrocinadores do
concurso. Dotación dos premios:
- Un 1º Premio de 250 euros
- Un “Premio Popular” de 150 euros
5. Xurado e resolución. O xurado, que elixirá o primeiro premio, estará
formado por ao menos un profesional da fotografía, polo gañador do concurso
anterior e por un socio do club elixido pola Xunta Directiva de entre os que se
presenten como voluntarios. O resultado comunicaráselle aos gañadores por
teléfono ou correo electrónico e farase público a partires do 17 de outubro. As
decisións do xurado serán inapelables.
“Premio Popular”. Elixido polos socios do club en votación de entre as
obras presentadas. As obras expostas estarán numeradas e habilitarase unha urna
no local social para efectuar a votación coas papeletas creadas o efecto. O
resultado da votación farase público na Cena Anual 2014.
6. Difusión, exposición e entrega de premios. O club Alpino Ourensán, conxuntamente co Outono
Fotográfico, realizará unha exposición coas obras seleccionadas no mes de
novembro de 2014. A entrega de premios efectuarase na cena anual do club da que
se dará cumprida información. As obras seleccionadas poderán saír editadas en
publicacións posteriores, coa intención de difundir o concurso, sen ánimo de
lucro. Nas obras expostas e/ou publicadas indicarase o autor/a.
7. Disposición das obras. As obras premiadas quedarán en propiedade do Club
Alpino Ourensán, que poderá copialas ou utilizalas sen limitación de medios,
tempo ou lugar, para promoción e divulgación, con indicación do nome do seu
autor/a. As obras non premiadas poderán ser retiradas polos seus autores no
Club, a partires do 15 de decembro de 2014. Se as obras non son reclamadas
antes do 27 de febreiro de 2015 enténdese que o autor renuncia a elas.
8. Observacións.
Os participantes responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos de
terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación por dereitos de
imaxe. A organización poñerá o máximo coidado na conservación das obras, pero
non se responsabilizará das posibles perdas, subtraccións ou deterioro. A
organización queda facultada para resolver calquera continxencia non prevista
nestas Bases. A concorrencia a este concurso implica a aceptación das presentes
Bases.
No hay comentarios:
Publicar un comentario